Sunday 28 de April de 2024

A Deputación da Coruña destaca o interese cultural e turístico do Territorio Vákner


O proxecto arredor do monstro do Camiño de Santiago preséntase en Dumbría

A Deputación da Coruña destaca o interese cultural e turístico do Territorio Vákner
O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado tamén de Plans, Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira, destacou en Dumbría o interese cultural e turístico do proxecto Territorio Vákner que recupera a figura do monstro do medievo que forma parte do imaxinario do Camiño de Fisterra e Muxía.

Na súa intervención, Xosé Regueira, parabenizou pola iniciativa de desenvolver un completo proxecto arredor da figura do monstro Vákner, a besta salvaxe que se sitúa nos montes que separan o Xallas e a costa de Fisterra e que atemoriza ás persoas que percorrían o camiño Xacobeo desde Santiago de Compostela á que estaba considerada a fin do mundo.

No acto de apertura que se desenvolveu no Salón de Actos do Albergue de Peregrinos do Conco, ademais de Xosé Regueira, interviron o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño , a Comisaria do Ano Santo 2021, Cecilia Pereira e o xornalista Pepe Formoso. O acto significou a apertura dun programa de dous días en que especialistas e promotores do proxecto achegarán á figura do monstro, a súa pegada histórica e as posibilidades como recurso de atracción turística para o territorio da ruta xacobea a Fisterra e Muxía.

“Vákner pode ser un novo recurso para unha terra na que a lenda, a mitoloxía o misterio, a literatura e a cultura forman parte do seu poderoso atractivo. Supón tamén diversificar as potencialidades, en especial dos Camiños de Santiago, e, xunto con elementos xa coñecidos como a extraordinaria paisaxe, a magnífica gastronomía, o rico patrimonio ofrecer a posibilidade de se adentrar nunha historia de medo e misterio que pode ser moi atractivo para o turismo mais tamén para a veciñanza desta terra”, sinalou Xosé Regueira na súa intervención.

Ademais da presentación do proxecto “Terras do Vákner” e a proxección do audiovisual temático, distintas persoas especialistas como Fernando Alonso, Aurora Lestón, Ignacio Iñarrea, Alfredo Eiras, Javier Castroviejo, Martiño Mercellas, Manuel Vilar, Francisco Singule José Antonio de la Riera participan na primeira xornada do encontro internacional que pon o foco nunha figura que pode supor un atractivo maior dunha comarca en que as lendas, a tradición e o misterio forman parte dos seus recursos para achegar visitantes.

O sábado, o programa iniciarase coa intervención do director do Museo Fantástico da Bête de Gévaudan, en Saugues, arredor da experiencia divulgativa creada arredor doutro ser lendario similar ao de Vákner. A seguir, o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, o coordinador do proxecto, Antón Pombo, o autor da escultura do Vákner, Cándido Pazos, o músico Bieito Romero e David García, director de Galo Publicidade, participarán nunha mesa coordinada por Pepe Formoso na que se dará conta da dimensión do proxecto e o seu alcance tanto desde o aspecto histórico, cultural, de identidade e turístico.

A xornada rematará, despois da presentación do audiovisual e unha degustación de produtos de Dumbría, cunha visita guiada polas Terras do Vákner que partirá do Centro de Información ao Peregrino no Hospital do Logoso e seguirá polo lugar do Marco do Couto, a Igrexa de San Pedro de Buxantes, a Pedra do Brazal até rematar na Fervenza do Ézaro.

Tres son os principais personaxes do relato que é agora o eixo do novo proxecto, o bispo Mártir de Arzendján, que peregrina desde Armenia até o cabo Fisterra e deixa testemuño de ter atopado o grande protagonista que é o Vákner, a besta salvaxe que deixou memoria da súa perigosidade na ruta xacobea e, claro está, as terras de Dumbría onde se localizaba.